sábado, 26 de diciembre de 2015

A idiosincrasia dos meus veciños

Os humanos somos seres sociais que vivimos e desenvolvémonos  dentro de unha colectividade formada en núcleos: familiar, en primeiro lugar e integrámonos noutros grupos  para formar un pobo que porta os resgos característicos da suma media dos resgos de cada un dos membros.

Aclarado un pouco o sentido desta palabra, imos estudar algúns comportamentos dos veciños dunha parroquia onde durante quince anos culturicei a varias xeracións de nenos.


      Foto: Exposición "Elas sempre están".Secretaría Xeral de Igualdade. Xunta de Galicia 

Imos limitarnos de momento ao comportamento da institución do matrimonio  entre cada un dos membros do mesmo: o do esposo e o da esposa sobre os anos sesenta do pasado século.

Este tema tan candente na actualidade sobre a igualdade de sexos estaba moi definido na miña antiga  parroquia.

No tema económico, o varón era o dono e depositario dos cartos da casa e controlaba cada unha das súas entradas e das compras que se  facían para as necesidades familiares. Para as pequenas compras de aceite, arroz, azucre, poñamos por caso, el, persoalmente facía a compra ou entregaba a cantidade exacta á encargada de realizala.

As necesidades propias das mulleres, o que noutros tempos se lles dicía para alfinetes, víanse dificultadas pola súa carencia de liquidez. Estas debían recorrer a pequenas trampas para dispoñer de algunhas pesetas.

Unha lembranza persoal de estes comportamentos que me afectaba directamente: Durante os quince anos que permanecín nesta parroquia era a miña muller a que controlaba á súa maneira todo o gasto miúdo do consumo familiar e a que persoalmente facía a compra. Esta miña actitude normal de delegar nela o control económico da casa era mal visto polos homes, claro está, da parroquia pois adquirín fama de estar domeado pola miña muller.

Pola outra banda, a muller, como esposa, estaba colocada na escala máis baixa da xerarquía social da familia. Era soamente útil coma man de obra e instrumento necesario para traer fillos a este mundo.

Recordo unha frase que ten aplicación exacta en este tema  na que una picariña chea de curiosidade pregúntalle a súa nai:

- Madre, ¿qué es casar?
- Casar, hija, es coser, rezar, parir y llorar
                       
Pesimista a resposta; non é así?

Durante a miña longa estancia en esta parroquia asistín como amigo a moitos enfermos e ademais,  aconsellar e axudar no seu tratamento médico. A moitos deles asistín ata os seu derradeiros momentos.

Recordo a un deles que a altas horas do amañecer chámame a súa familia pois púxose moi grave. Despois de atravesar a parroquia dunha veira a outra e pisar a herba con ese especial ruído cando cae unha forte xeada, cheguei alí cando xa estaba en plena agonía.

Podíamos ter chamado ao médico en procura da súa posible recuperación, ou ao crego para a súa axuda espiritual, ou incluso aos seus familiares  pero a evolución do enfermos non dou lugar posibles axudas pois morreu ao cabo duns minutos. A primeira iniciativa da súa desconsolada esposa axudada polas súas fillas foi sacarlle a carteira que levaba sempre no chaleco  que lle facía de pixama.

Esta carteira, comentábame a súa viúva, nunca a tivera nas mans e dende ese intre foi dona e señora do capital familiar.

Actualmente, a evolución social e económica fixo trocar radicalmente estes comportamentos e na actualidade a muller dispón dos mesmos dereitos que o home e xa non é todo coser, parir e chorar.


2 comentarios:

  1. Un agradecemento ao exercicio de memoria e unha sorte poder ler este relato de primeira man. Grazas e bon Nadal

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas polo comentario!,... para min estas lembranzas forman parte da intrahistoria -a outra historia- a historia con minúsculas das personas que viviron e padeceron na Galicia rural entre os anos corenta e sesenta do pasado século.

      Eliminar