sábado, 2 de enero de 2016

Outras escolas


Tiven oportunidade de visitar o Colexio Nacional de Oca, que, así se chamaba naquel tempo e no que servira como director nos tres derradeiros anos da miña vida profesional. Unha antiga compañeira do colexio invitoume a botarlle unha ollada para recordar tempos pasados. Coa súa habitual amabilidade foime amosando todos os locais e quedei abraiado do que vin.

Escanos individuais adaptados á anatomía dos nenos, locais intensamente iluminados, ordenadores case individuais, sinal de Internet en todos eles, sala de proxeccións, sala de música...,

Pero en min aínda perduraban as imaxes, as vivencias e os recordos doutras escolas alá nun recuncho dunhas escolas agachadas nas montañas ourensans ...

Ben; non podo seguir relatando todo o que vin porque crin que estaba nun mundo de fantasía, coma se estivese no mundo de Alicia no País das Marabillas. Non parou aquí o meu pasmo. Ollaba para os cativiños ; víanse caras cheas de ledicia e con ese encantador sorriso propio da infancia. Nenos ben aseados e  ben alimentados.

Impresionado por estas imaxes non puiden resistir a tentación de facer unha análise  comparativa de datos estatísticos da época na que inicio estes relatos e os da actualidade.

Daremos primeiro os datos que puiden recoller da escola  unitaria de nenos de Don Pedro alá polo ano 1930 e comparémolos con datos estatísticos que conseguín do actual Colexio de Oca.

Vexan vostedes as diferenzas  que hai neste período de noventa e seis anos.

                                                ARNOIS 1913                  OCA 2009

Número total de alumnos                 80                                        75
Número de mestres                             1                                        12
Alumnos para cada mestre               80                                          6
m2 local                                            40                                      350
m2 para cada alumno                        0,38                                   4,75
m2 fiestras                                          3                                     112    

Datos que revelan, por unha parte as carencias das antigas escolas, e pola outra as melloras que gozan os alumnos da actualidade. Antes de seguir adiante debemos ter en conta os condicionantes polos que  antano era tan abundante a matrícula. En primeiro lugar a falta de dotación para crear máis escolas; en segundo lugar o número de fillos que aportaba cada parella. Era moi corrente  que o número de fillos chegase a seis ou máis. Recordo que cando servía na escola de Remesar, neste concello, só tres familias acadaban unha matrícula de dezasete alumnos, ademais dos outros quince de varias familias.

Naqueles tempos eran descoñecidos os controis de natalidade, porque ademais de descoñecidos eran prohibidos pola igrexa. Había que aceptar os fillos que Deus nos mandase. Índice de natalidade: seis e medio por matrimonio.

Nos trocos que xorden na sociedade actual cando a muller se incorpora ó traballo, cando os avances médicos descobren sistemas de control de natalidade, empeza a reducirse o número de fillos por matrimonio. Esta redución é tan alarmante que cae por debaixo do número crítico para que a poboación  non descenda. Coido que na actualidade o índice de  está por debaixo de  dous fillos por muller.

No hay comentarios:

Publicar un comentario